Declaración de principios

Orientación empresarial

Dermotenda é un comercio minorista de cosméticos no que a "carta-menú" non é moi extensa pero sí moi selecta. Escollemos marcas reputadas e de longo percorrido e tradición no coidado da pel, que imos actualizando periodicamente con novidades. Esta selección está realizada por un dermatólogo. Por iso, en Dermotenda non se pode adquirir calquera crema de calquera marca, coma se fose un gran supermercado cosmético,senón unha selección moi concreta de produtos para todo tipo de pel. Os produtos que forman parte da nosa carta cubren a hixiene, hidratación, protección e reparación cutánea e de cabelo e uñas (os nosos verdadeiros obxectivos). Tamén temos unha selección de cosméticos decorativos: maquillaxes, lacas de uñas, cosméticos oculares, etc.

Compromiso co usuario

Esta filosofía obríganos a dispor dunha batería de produtos que sexan eficaces, seguros e asequibles (ningún produto en Dermotenda supera os 30 euros). Por outra banda, a gran maioría dos artigos existentes en Dermotenda poden adquirirse tamén en farmacias, parafarmacias ou tendas de cosmética. En Dermotenda estes mesmos cosméticos son entre un 10 a un 20 % máis baratos porque non existen intermediarios: Dermotenda merca grandes lotes directamente ó fabricante negociando un mellor prezo, trasladando boa parte deste beneficio ó consumidor. Esta empresa de proximidade repudia os excesos do mercantilismo e a voracidade empresarial a toda costa: o mellor produto e o mellor prezo para o cliente melloran a confianza en Dermotenda, fidelizan ó consumidor e, a medio e longo prazo, favorecen o prestixio e os resultados da propia empresa.

Compromiso coa lingua galega e con Galicia

Dermotenda está ubicada nunha realidade xeográfica, social e cultural concreta, da que nos sentimos moi orgullosos. Por iso, a nosa lingua habitual é o galego e tentamos cerar na nosa comunidade o maior valor engadido posible, procurando fixar a riqueza ó territorio. En concordiancia con esta filosifía puxemos en marcha unha liña de I+D+i que produce cosméticos na nosa comunidade nun sector no que tamén podemos ser competitivos.

Compromiso co medio ambiente

O respecto ó noso entorno é un piar fundamental do noso ser. Os cosméticos prodúcense con compostos químicos (aínda que sexan inocuos), envásanse en plástico ou vidro, levan cartonaxes con tintas... Na medida do posible tentamos escoller aqueles que teñen menos cartonaxe, plásticos menos nocivos e, sobre todo, materias primas respectuosas co entorno na súa elaboración e degradación natural. Renunciamos, sen embargo, a todo tipo de pseudomárketing no que "o pretendidamente ecolóxico" sirva para -en realidade- agredir máis ó noso planeta.

Compromiso social

Igualmente pretendemos dispoñer unicamente de produtos nos que non haxa trazas de traballo infantil e, sendo posible, que proveñan do comercio xusto das materias primas. Un exemplo son os produtos de karité, que é unha noz africana con lípidos de alto poder rexenerador para a pel pola súa similitude cos da barreira epidérmica natural. A noz de karité é maiormente recollida polas mulleres subsaharianas, que obteñen por este prezado produto uns recursos que axudan ó desenvolvemento destas comunidades.
voltar á páxina principal